Esta distinción, outorgada pola Asociación Músicas ao Vivo, recoñece o traballo da formación oleirense na categoría de Bandas de Música Popular. A agrupación comparte nominación con outras dúas bandas, sendo elixidas entre máis de 400 candidaturas presentadas en toda Galicia.
Tras o anuncio oficial realizado en Cambados, ábrese agora a segunda fase do certame, na que a participación cidadá será crucial. O gañador decidirase mediante unha ponderación do 50% entre os votos dos asociados a Músicas ao Vivo e o voto do público.
“"Esta nominación supón un importante recoñecemento ao traballo de formación, difusión e calidade artística que se realiza dende o Concello de Oleiros."
Os responsables municipais animan a todos os veciños a apoiar á banda local participando na votación popular, que estará aberta desde hoxe e ata o 24 de maio na páxina web oficial dos premios. A decisión final darase a coñecer o vindeiro 27 de maio nunha cerimonia que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra.




