A Cátedra SXD Galicia Activa, iniciativa da Xunta de Galicia e da Universidade da Coruña, celebrou a súa sétima xornada na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. O encontro, baixo o título O papel da condición física relacionada coa saúde no currículo escolar, reuniu a profesionais da investigación, administración e docencia para analizar a importancia da condición física na etapa escolar e a súa integración na práctica educativa.
Durante a xornada, presentáronse programas da Xunta para fomentar a saúde e os hábitos activos desde a infancia. Carolina Muñoz Ibáñez, da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, expuxo programas de alimentación e promoción de hábitos de vida saudables no ámbito escolar. Pola súa banda, Miguel Rodríguez del Corral, da Fundación Deporte Galego, deu a coñecer os Proxectos de Vida Activa e Deportiva (PVAD), que buscan fomentar a actividade física e hábitos saudables nos centros educativos galegos.
Eliseo Iglesias Soler, profesor titular da Universidade da Coruña e director da Cátedra, falou sobre a traxectoria de DAFIS, unha ferramenta da Xunta para avaliar a condición física relacionada coa saúde do alumnado, facilitando informes individuais e o seguimento da súa evolución. Tamén participaron Alberto Dorado Suárez (Universidade de Castilla-La Mancha) e Mónica Mourelle Zas (profesora de Educación Física), xunto con José Felipe González Álvarez, Fernando Quinteiro López e Alberto Casal Lamas, quen compartiron experiencias de centros educativos galegos.
Desde a súa creación en setembro de 2018, a Cátedra SXD Galicia Activa traballa na conexión entre o coñecemento científico e a súa aplicación social, promovendo o intercambio de experiencias entre os ámbitos académico, deportivo, educativo e sanitario. As súas xornadas son un punto de encontro para debater sobre actividade física, saúde e retos na promoción de estilos de vida activos.
As súas liñas de actuación inclúen a divulgación dos beneficios da actividade física, a formación de profesionais, a investigación sobre o exercicio físico como prevención de enfermidades crónicas e a colaboración no Plan Galicia Saudable. Edicións anteriores abordaron temas como a actividade física nas distintas etapas da vida, a saúde no deporte de alto nivel ou o exercicio físico e o cancro.




