O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe na inauguración do paseo Pepe Mujica, en Oleiros, cunha reivindicación da política como ferramenta para mellorar a vida das persoas. Nun espazo recuperado para o desfrute da cidadanía, Formoso evocou a humildade, a coherencia e a vocación de servizo do expresidente uruguaio, afirmando que "Por enriba dos intereses partidistas ou das ambicións políticas, o importante é buscar o ben común".
O acto, celebrado no parque do Paraíso, en Perillo, contou coa participación do alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane; do embaixador de Uruguai en España, Bernardo Greiver del Hoyo; e da senadora uruguaia Blanca Rodríguez González, ademais da compañeira de Mujica, Lucía Topolansky, que interveu por videoconferencia.
O presidente provincial relacionou o legado de Mujica co sentido da actuación inaugurada: recuperar a contorna da ría para que os maiores teñan un lugar agradable onde camiñar, as familias poidan pasar unha tarde ao aire libre e os nenos e nenas aprendan a andar en bicicleta. "Tamén para iso serve a política. Para facer posibles esas pequenas cousas que fan mellor a vida de todos", afirmou.
Fronte á confrontación e ao ruído que marcan o debate público, Formoso destacou o exemplo dun home que coñeceu a pobreza, a persecución e o cárcere e que chegou á presidencia de Uruguai sen perder "a humildade, a coherencia nin a capacidade de falar coa xente de igual a igual". Tamén sinalou que a transformación da zona, cun paseo de máis de 11 quilómetros que conecta A Coruña, Culleredo, Cambre e Oleiros, é "unha transformación de verdade. Desas que cambian a paisaxe, recuperan espazos públicos e melloran a vida da xente".
A homenaxe a Mujica serviu tamén para reivindicar os vínculos que unen Galicia con Uruguai e Arxentina, lembrando as xeracións de emigrantes galegos que buscaron un futuro mellor e contribuíron ao progreso dos países de acollida sen esquecer as súas raíces. "Por moito que hoxe algúns se empeñen en rachalos, hai fíos invisibles da historia; fíos feitos de familias, memoria e afectos, que seguen e seguirán unindo a Galicia coas dúas beiras do Río da Prata", expresou Formoso.
O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, gabou a traxectoria humana e política de Pepe Mujica, destacando a súa loita revolucionaria, os 14 anos de prisión e tortura sufridos e a súa capacidade posterior de perdón. "O nome de Pepe Mujica é o mellor nome posible acorde a este magnífico espazo público", afirmou. García Seoane tamén destacou os "lazos de irmandade" entre Galicia e Uruguai, marcados pola emigración e figuras de ascendencia local como Claudio Wiliiam ou Fernando Lugrís.




