O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe nun acto institucional no marco desta primeira edición, onde resaltou o apoio da administración autonómica ao nacemento da iniciativa. O evento enmárcase na Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que busca consolidar un modelo turístico máis diversificado e cun maior impacto económico no territorio.
A feira reúne a máis de 100 empresas galegas e preto de 30 turoperadores internacionais procedentes de Portugal, Francia, Italia, Reino Unido, Países Baixos, Bélxica, Suíza, Polonia e India. Este encontro permite conectar directamente a oferta turística galega con compradores estranxeiros, favorecer acordos comerciais e dar a coñecer experiencias diferenciadas.
A xornada celebrada na Coruña centrouse no segmento do turismo premium, cun espazo expositivo dedicado aos xeodestinos e aos atractivos da provincia, complementado con reunións comerciais. Salientouse o traballo de Turismo de Galicia para deseñar unha proposta que achegue singularidade á comunidade, aproveitando atractivos como as vilas termais, edificios históricos, pazos e a gastronomía.
Neste contexto, subliñouse a colaboración iniciada nos últimos anos con Virtuoso, a principal rede internacional especializada en experiencias de viaxe premium. O programa continuará mañá en Santiago de Compostela cunha xornada dedicada ao Camiño de Santiago, abordando os seus distintos itinerarios e as necesidades das persoas peregrinas.




