A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na presentación do proxecto Duncon, a nova planta que o grupo Pasek instalará no polígono de Penapurreira das Pontes de García Rodríguez. O obxectivo é a transformación da dunita en materiais con aplicación industrial, un paso que a Xunta cualifica como alineado coa súa estratexia de reindustrialización e diversificación económica da comarca de Ferrolterra.
O investimento total ascende a 70 millóns de euros, dos cales 23 millóns están destinados á fase inicial. Segundo os datos da compañía, o proxecto xerará en torno a 30 empregos asociados a esa etapa de inicio e ata un cento de postos vinculados ao desenvolvemento completo da actividade. A planta conta xa cunha parcela adquirida de 41.000 m² de superficie, que inclúe unha nave de 19.000 m².
“"Un dos grandes valores que ten a nosa economía son os recursos naturais, e o que queremos facer coa minería non é soamente aproveitar ese mineral, queremos que se transforme en Galicia, que xere cadeas de valor industriais e que, polo tanto, repercuta en maior emprego e plans sociais para os municipios."
Lorenzana destacou que o proxecto representa a aposta da Xunta pola minería innovadora e sustentable, comprometida co territorio a través dos plans sociais exixidos aos promotores. A conselleira subliñou que toda empresa que queira instalarse na comunidade debe "entender o modelo" de valor engadido local que se está a impulsar. A iniciativa enmárcase tamén no programa Galicia Industria 360, que ofrece naves e vivendas para as empresas que o necesiten.




