A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na clausura da II Xornada galega de PRL: Universidade e empresa ante os retos preventivos. O evento, organizado pola Confederación de Empresarios da Coruña, as tres universidades públicas galegas, Aprosal e Avanta, tivo como obxectivo analizar os principais desafíos da seguridade e saúde no traballo.
Durante a súa intervención, Quinzá-Torroja destacou o Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029, aprobado polo Consello da Xunta o pasado luns. Este plan, que ten como un dos seus tres eixes principais reforzar a prevención e o benestar laboral, foi cualificado como pioneiro en España.
A xerente do Issga defendeu a necesidade de reforzar a colaboración entre Administracións, empresas e universidades para compartir coñecemento e experiencias, co fin de avanzar cara a contornas laborais máis seguras, saudables e sostibles. Subliñou tamén a importancia de inculcar a cultura preventiva desde idades temperás e en todos os niveis do ensino, para que a identificación de riscos e a adopción de hábitos seguros sexan parte da aprendizaxe previa á incorporación ao mercado laboral.
No ámbito universitario, Quinzá-Torroja sinalou que o Issga mantén unha colaboración continua coas universidades galegas a través de xornadas, actividades formativas, visitas de alumnado, proxectos de investigación e prácticas académicas externas dos mestrados de prevención de riscos laborais.
Ademais, destacou que tres das mesas do acto abordaron a transición ecolóxica, demográfica e dixital. Estes retos están aliñados coas actuacións recollidas na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, co obxectivo de afrontar os riscos derivados dos novos escenarios laborais.




