O consello de administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) autorizou a adxudicación do contrato para a redacción do proxecto e a dirección de obra das 264 vivendas de promoción pública que se edificarán no barrio coruñés de Xuxán. A parcela onde se levará a cabo a construción é propiedade da Xunta e o seu uso foi modificado de oficinas a residencial tras unha reforma do PXOM.
O contrato foi adxudicado á empresa Día & Díaz Arquitectos por un importe total de 1.210.000 euros. Esta iniciativa forma parte do compromiso da Xunta de duplicar o parque público de vivenda en Galicia.
Na Coruña, a Xunta ten en desenvolvemento un total de 1.041 vivendas de promoción pública. Delas, 941 construiranse en parcelas autonómicas e as 100 restantes en terreos cedidos polo concello.
A administración autonómica busca alcanzar as 8.000 unidades de vivenda pública antes de que remate o ano 2028, co obxectivo de chegar ás 10.000 a finais de 2030.




