A formación coruñesa, dirixida por Quique Peón, obtivo o segundo posto na final máis igualada da historia do certame, celebrada no marco da 22ª edición do Festival Internacional de Folclore de Nova Prata, no estado brasileiro de Río Grande do Sul. Competiron fronte á agrupación búlgara Sofía 6.
O xurado recoñeceu a complexidade e axuste da decisión final, mentres que Xacarandaina tamén se alzou cos premios ao mellor baile en parella internacional e ao mellor vestiario. A alcaldesa destacou o labor da entidade na "investigación, conservación e difusión da música e do baile tradicional galego" durante case medio século.
“"Xacarandaina é un dos grandes referentes culturais da Coruña e de Galicia. O seu éxito internacional é tamén un éxito para a nosa cidade, porque detrás deste recoñecemento hai décadas de traballo rigoroso, compromiso coa cultura popular e amor polo patrimonio que nos define como pobo."
Rey puxo en valor a capacidade de Xacarandaina para levar a cultura galega aos grandes escenarios internacionais, sinalando que "representa o mellor da nosa cultura: tradición, excelencia e vocación de futuro".
Este resultado chega na primeira xira transatlántica do colectivo, que desprazou ao Brasil unha expedición de 29 persoas co apoio do Concello. Ao longo da súa traxectoria, Xacarandaina documentou e conservou máis de 500 bailes tradicionais e participou en máis de 150 festivais.




