O cuarteto, nacido en Muros en 2018, chega á cidade nun momento álxido da súa carreira, consolidándose como un dos grupos máis demandados nos escenarios galegos e estatais. A súa proposta musical mestura pop, garage rock, influencias disco e unha forte enerxía en directo.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou a importancia da banda na programación festiva, subliñando a aposta polo talento musical galego. "The Rapants representan como poucos a forza da nova escena galega e a capacidade dos nosos artistas para conectar con públicos moi diversos", sinalou.
“"Seguimos apostando polo talento musical galego e por ofrecer espazo nas grandes programacións da cidade aos grupos que están a marcar o presente da nosa música."
No concerto presentarán as cancións de 'Rapants Club', o seu cuarto álbum de estudo publicado este ano. Este traballo inclúe doce temas e colaboracións con artistas como Joe Crepúsculo, Sara Faro e Antía Ameixeiras, explorando novas influencias electrónicas e sonoridades disco sen perder a identidade da banda.
O seu anterior álbum, 'La máquina del buen rollo', foi recoñecido co Premio MIN ao Mellor Álbum en Galego, permitíndolles actuar en numerosos escenarios e festivais por toda a Península.
Esta actuación forma parte das 'Noites de María Pita', un ciclo clave das festas de agosto que converte á Coruña nun referente cultural do verán, reunindo artistas galegos, estatais e internacionais.




