A tese “Estudo da susceptibilidade das estruturas téxtiles á liberación de microfibras”, desenvolvida no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), no Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña, aborda as causas polas que algúns tecidos liberan máis microfibras ca outros co uso ou os lavados.
O traballo, realizado pola investigadora do Grupo de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM) Mercedes Pereira, céntrase na estrutura do tecido e no seu comportamento físico para comprender a orixe deste fenómeno, considerado un reto ambiental emerxente na industria téxtil.
A investigación analizou 25 estruturas téxtiles comúns (16 tecidos planos e 9 de punto) de materiais como poliéster, algodón, la ou viscosa, utilizando técnicas como a análise termogravimétrica (TGA), a calorimetría diferencial de varrido (DSC) e a análise mecánico-dinámica (DMA).
A liberación de microfibras foi estudada en ambientes experimentais húmidos e secos, simulando lavados domésticos e o desgaste continuado mediante ensaios de rozamento acelerado (RTPT).
Os resultados, analizados con ferramentas estatísticas, amosan que pequenas diferenzas estruturais nos tecidos poden xerar grandes diferenzas na liberación de microfibras, independentemente do uso ou os ciclos de lavado.
A tese, dirixida polos investigadores Ramón P. Artiaga e Jorge J. López, contou coa colaboración de Inditex. Foi defendida o pasado 10 de xullo no Salón de Actos da Vicerreitoría de Ferrol e obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude.
Os achados contribúen ao desenvolvemento de tecidos máis duradeiros e con menor liberación de microfibras, achegando coñecemento para afrontar os desafíos ambientais da industria téxtil e reforzando o papel do CITENI e do Campus Industrial de Ferrol en investigación aplicada.




