A sesión, forzada pola oposición para esixir respostas sobre a xestión municipal, converteuse nun escenario de confrontación que non logrou achegar posturas. A profunda división entre o Goberno local do PP e os distintos grupos da oposición culminou cun ambiente de gran crispación, que levou ao abandono da sala por parte dos concelleiros de UxC antes de abordar o segundo punto da orde do día.
A portavoz de UxC, María Pan, abriu o debate cuestionando a xestión dos contratos municipais, o estado das licenzas urbanísticas e a escaseza de persoal en áreas críticas como Servizos Sociais. Pan cualificou a situación actual de "colapso" e criticou a falta de respostas do executivo, sinalando que se limita a mover traballadores entre departamentos sen reforzar ningunha área ao 100%.
A representante de UxC tamén alertou sobre a precariedade en Servizos Sociais debido ao elevado número de baixas e cuestionou a situación da Policía Local, criticando que a dependencia de convenios para eventos extraordinarios non garante unha presenza diaria efectiva tras a marcha de axentes.
“"Vostedes non tiñan xestión, só circo, mentiras e Facebook. Un Goberno que ten solucións goberna, non se vai."
A alcaldesa, Diana Piñeiro, rexeitou as críticas cualificando o pleno de "circo" e "espectáculo" con diñeiro público, cifrando o seu custo en 6.300 euros. Piñeiro centrou a súa intervención en denunciar a "nefasta xestión" de UxC nos últimos 10 anos, asegurando que o seu equipo herdou un Concello con contratos caducados e irregularidades administrativas, e afirmou que a súa prioridade é estabilizar a institución.
No eido do urbanismo, Pan lamentou a falta de avances no Plan Xeral aprobado e o atasco administrativo para os veciños. Tamén reprochou a falta de compromiso co ensino público, sinalando a ausencia de actuacións en centros educativos a pesar das reunións de outubro. En canto á economía, acusou ao Goberno de ocultar información sobre a liquidación de 2025 e o orzamento de 2026, cifrando a débeda actual en 7 millóns de euros.
O PSOE e o BNG, aínda que críticos coa forma de plantexar o pleno, coincidiron en denunciar a falta de diálogo do Executivo local. O PSOE sinalou que a situación podería evitarse respondendo as preguntas a tempo, mentres que o BNG cualificou a sesión de "fracaso absoluto" sen achegar solucións.
O concelleiro de Facenda, Rubén Vázquez, anunciou que os orzamentos de 2026 están "a punto" de presentarse, cun incremento do 12% nas partidas para asociacións. A alcaldesa tamén detallou as xestións para cubrir prazas vacantes e actualizar a Relación de Postos de Traballo (RPT), defendendo a incorporación de novos axentes de Policía Local e protocolos de prevención.
Piñeiro defende que está "limpando" a xestión municipal e desmantelando irregularidades, mentres que a oposición insiste en que o Goberno actual carece de "rumbo e capacidade de resposta".




