As actuacións centrarase en varias rúas clave: Catas, Pedruco, Arzobispo Xelmírez, Silva, Eladio de la Iglesia, Pelamios e Vigovidían. Ademais de mellorar o firme e a seguridade, as obras tamén incluirán a renovación das redes de abastecemento, alumeado público e recollida de augas pluviais.
O alcalde, José Ramón Rioboo, destacou que estes proxectos responden ás necesidades trasladadas pola asociación de veciños de Almeiras, á que agradeceu a súa implicación. Tamén se acordaron outras melloras como o arranxo da rúa Marqueses de Almeiras e a humanización da avenida de Alvedro.
En concreto, na rúa Catas, completarase o tramo ata a antiga N-550, implementando un firme coloreado con prioridade peonil e un límite de velocidade de 20 km/h. Tamén se adaptará o alumeado para cumprir coa condición de Camino Inglés. Estas intervencións suporán un investimento de máis de 240.000 euros.
As rúas Silva, Eladio de la Iglesia e Pelamios recibirán unha nova rede de pluviais e renovaranse os seus firmes, xunto con nova sinalización horizontal e vertical, cun orzamento de case 290.000 euros.
Finalmente, na rúa Vigovidían, repararanse as redes de abastecemento, saneamento e pluviais. Renovarase o pavimento e instalarase iluminación LED de alto rendemento, creando unha plataforma única para potenciar a seguridade peonil nun contorno residencial.
O rexedor subliñou que estas obras "mellorarán notablemente as prestacións" das vías, que "presentan unha necesidade clara de actuación", e sinalou que a contratación de obra pública no municipio está "en máximos", con máis proxectos previstos noutras parroquias nas próximas semanas.




