O nomeamento, que recoñece a traxectoria científica de Naya e o seu compromiso coa ciencia aberta, supón a súa incorporación a este órgano independente por un período de tres anos, con posibilidade de renovación. Naya compartirá o consello con outros 21 investigadores de prestixio internacional de diversas disciplinas.
Salvador Naya expresou o seu agradecemento pola confianza depositada e destacou a importancia da intelixencia artificial na redefinición da produción e compartición de coñecemento. "Nun contexto de cambios profundos impulsados pola IA, reforzar a ciencia aberta é esencial", afirmou, engadindo que é un privilexio poder contribuír a que Open Research Europe avance cara a un sistema de publicación máis aberto e transparente, "especialmente dende a perspectiva da enxeñaría e a tecnoloxía".
O Consello Asesor Científico, cuxa nova composición foi seleccionada entre máis de 400 candidaturas valorando a excelencia científica, a experiencia editorial e o compromiso coa ciencia aberta, xogará un papel relevante na nova etapa de ORE. As súas funcións inclúen o asesoramento sobre políticas editoriais, directrices para autores e revisores, normas éticas, procesos de revisión por pares, transparencia e posible mala conduta científica, así como a sustentabilidade da plataforma e o desenvolvemento de novos servizos.
Open Research Europe promove un modelo de comunicación científica baseado no acceso aberto, a publicación gratuíta de resultados de investigación financiada con fondos públicos e a revisión aberta por expertos, co obxectivo de favorecer unha difusión máis transparente, accesible e temperá do coñecemento científico.
A incorporación de Naya a este órgano internacional non só é un recoñecemento á súa traxectoria, senón que tamén reforza a presenza da Universidade da Coruña nos espazos europeos de reflexión sobre a comunicación científica. En España, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades participa en ORE a través da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), en liña coa Estratexia Nacional de Ciencia Aberta (ENCA).




