O percorrido, conducido por Carlos Ares e coa participación do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, o historiador Rubém Centeno e integrantes do colectivo de expresas e expresos políticos da Coruña, comezou diante do Monumento aos Irmáns da Lexía e continuou cara á contorna do antigo cárcere provincial de Monte Alto. Ao longo da mañá, os participantes coñeceron episodios da represión franquista e o papel de quen defenderon a legalidade democrática.
Durante a súa intervención, Gonzalo Castro destacou a importancia destas iniciativas: "A memoria democrática non é nostalxia nin unha mirada ao pasado; é asumir a nosa historia con verdade para construír un presente máis xusto e un futuro máis libre e democrático".
O concelleiro lembrou o compromiso do Goberno de Inés Rey coa recuperación da memoria e a reparación das vítimas. "As institucións democráticas non poden limitarse a acompañar as homenaxes. Temos a responsabilidade de investigar, recoñecer, reparar e transmitir. Debemos incorporar a memoria ás políticas públicas e garantir que as vítimas ocupen o lugar que lles corresponde no relato da cidade", afirmou.
Castro repasou actuacións impulsadas polo Concello, como o estudo do Instituto José Cornide que identificou máis de 140 traballadores municipais represaliados, homenaxes a figuras como Joaquín Martín Martínez e Alfredo Suárez Ferrín, e traballos para declarar espazos como Lugares de Memoria Democrática.
Destacou tamén o papel da Casa Museo Casares Quiroga como eixo das políticas municipais de memoria: "Queremos que sexa a casa común da memoria democrática coruñesa, un espazo aberto ás asociacións memorialistas, á investigación, á divulgación e á participación cidadá".
O roteiro concluíu cunha chamada a fortalecer as políticas de memoria democrática desde o rigor histórico e institucional, buscando "unha política de memoria sólida, compartida e permanente, que permaneza no espazo público e na conciencia da cidade".




