Esta medida, coordinada pola Xunta de Galicia e o Concello da Coruña, responde á peonalización da rúa Entrexardíns. A nova localización para estas liñas será fronte ao Teatro Colón, na rúa Alcalde Manuel Casás, que se sitúa entre o edificio da Deputación da Coruña e a sede de Correos.
Ademais, a liña que conecta o Hospital Abente y Lago co aeroporto de Alvedro tamén sufrirá modificacións. O traxecto desde o centro sanitario ata a praza de Ourense circulará pola avenida do Porto, en lugar de facelo pola Mariña. Isto implicará a supresión das paradas de Porta Real e do Obelisco.
A Xunta xustifica esta redución de paradas co obxectivo de "garantir a seguridade na zona peonil do porto". Engaden que a parada de cabeceira se despraza para situarse fronte ao monumento ao Emigrante, lixeiramente máis abaixo da súa localización actual.




