Un total de 200 pasaxeiros do cruceiro Ambition, que estivo atracado na Coruña durante a fin de semana e que se viu afectado por un brote de norovirus, chegaron este sábado á capital galega para realizar diversas excursións polo casco histórico. Os viaxeiros, na súa maioría de nacionalidade británica, desembarcaron sen incidencias e sen necesidade de usar máscaras, despois de que Sanidade Exterior realizase unha inspección previa no buque para confirmar que ningún tripulante presentaba síntomas compatibles coa gastroenterite.
A chegada a Santiago produciuse ao redor da unha da tarde. Segundo explicaron as guías turísticas encargadas de acompañar aos grupos, a saída dende A Coruña sufriu un atraso debido á revisión sanitaria levada a cabo por técnicos de Sanidade Exterior antes de autorizar o desprazamento dos turistas. "Saíron máis tarde porque antes de abandonar o porto subiron técnicos sanitarios ao barco para comprobar que ninguén tivese síntomas", explicou unha das guías.
Os turistas foron divididos en varios grupos. Unha parte realizou unha visita breve á praza do Obradoiro e tivo tempo libre para percorrer a cidade ata as catro da tarde, momento no que regresaron ao autobús para volver á Coruña. Outros optaron por percorridos máis completos polo centro monumental, incluíndo visitas á Catedral e a San Martiño Pinario.
As guías sinalaron que moitos dos turistas chegaron "tristes" e sorprendidos pola repercusión mediática do caso, sentíndose "sinalados" e incluso "apenados" pola atención xornalística. Tamén recalcaron que o norovirus "é relativamente habitual en cruceiros" e que os controis sanitarios son parte dos protocolos habituais, aínda que a alarma internacional se intensificou tras o falecemento dun pasaxeiro, que segundo trasladaron, non estaría directamente relacionado co brote gastrointestinal.
“"Cando chegamos a porto sentímonos observados, case como apestados."
Unha pasaxeira de nacionalidade francesa, que asegurou que no barco "nunca houbo sensación de inseguridade" nin síntomas na súa planta, recoñeceu sentirse "un pouco agobiada" pola atención mediática. Lamentou o falecemento dun pasaxeiro durante a travesía, que "parece ser por outras causas", e afirmou que ela non presentou ningún síntoma. A sorpresa pola repercusión internacional levouna a pensar que o interese podería estar relacionado co recordo do brote de hantavirus noutro crucero.




