A falla, que representaba unha figura dun mísil co presidente estadounidense Donald Trump e o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu, ardeu na area de Bastiagueiro ante a expectación de centos de asistentes. Algúns asistentes tamén mostraron bandeiras en apoio ao pobo palestino durante o evento.
O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, cualificou o acto como "político e festivo". Tras un suposto discurso do presidente norteamericano emitido por megafonía, o rexedor realizou unha queimada e lanzou un conxuro contra ambos os líderes, aos que cualificou de "terroristas e asasinos internacionais". Seoane enumerou "tropelías" cometidas polos dirixentes nos últimos anos, arengas ás que o público respondía con berros de "lume!".
“"Que a viaxe que vai levar a estas dúas bestas ao inferno sexa eterna e que os seus corpos ardan ata a última molécula para purificar o mundo e librarnos de tanto horror e tanta infamia."
A noite transcorreu sen incidencias nas praias da localidade, que se encheron de xente de todas as idades ao redor das centos de fogueiras que iluminaron a noite de San Xoán.




