O voceiro municipal do Partido Popular, Miguel Lorenzo, sinalou este mércores que os postos do mercado de Monte Alto, recentemente inaugurado, sufriron inundacións e goteras a causa das choivas. Segundo as queixas dos praceiros recollidas polos populares, os desaugadoiros presentan un mal nivelado, o que provoca que os postos se aneguen.
A formación popular tamén alertou de problemas de seguridade na zona, indicando que a falta de barandillas e sinalización provocou caídas de usuarios. Ademais, apuntan a que houbo modificacións no deseño orixinal da obra que, segundo eles, "reduciron calidades ou eliminaron elementos como algúns ascensores".
Lorenzo cualificou a obra municipal do mercado e da praza como "unha chapuza que custou aos coruñeses máis de 10 millóns de euros", e que se inaugurou "cun ano de atraso" sobre a data prevista.




