Organizadas pola Autoridade Portuaria e dirixidas por un guía experto, estas visitas ofrecen unha mirada profunda á historia oculta da cidade, abarcando desde as expedicións científicas e episodios bélicos ata figuras clave vinculadas ao porto herculino.
O percorrido iniciouse na praza da Palloza, onde se rememoraron os orixes da cidade, destacando que A Coruña naceu como porto antes de converterse en urbe. A primeira parada foi a antiga Fábrica de Tabacos, un edificio emblemático que ao longo dos séculos tivo múltiples usos. Alí, abordouse a historia das cigarreiras, protagonistas da novela La Tribuna de Emilia Pardo Bazán, e consideradas o primeiro proletariado urbano da cidade, coas súas loitas por mellores condicións laborais no século XIX.
Antes de ser fábrica, o edificio foi un punto crucial na rede de Correos Marítimos, conectando A Coruña con A Habana a través de pequenos paquebotes. Este privilexio desapareceu durante a etapa napoleónica. O espazo tamén serviu como residencia de ministros e Casa do Alquitrán. O itinerario continuou xunto ao monumento das cigarreiras, onde se destacou a figura dunha arquitecta pioneira, responsable de infraestruturas como a fonte de Catro Camiños.
A parte final da visita centrouse nos catro peiraos do porto, abordando eventos como a Batalla de Elviña e a relevancia do porto no Camiño de Santiago para os peregrinos marítimos. A comitiva pasou pola histórica Lonxa do Gran Sol e o entorno da Solana, rematando no muelle de Trasatlánticos, lugar desde onde miles de galegos partiron cara a América en busca dun futuro mellor.




