O Concello da Coruña sacou a licitación a subministración e o mantemento integral dun novo vehículo de Posto de Mando Avanzado (PMA) para as operacións do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS). Esta base móbil, que estará totalmente equipada con tecnoloxía de última xeración, conta cun orzamento base de licitación de 713.726,43 euros.
A concelleira de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Montserrat Paz, explicou que "desde o Goberno de Inés Rey traballamos para asegurar que os servizos de emerxencia teñen os mellores equipamentos, porque investir nestes servizos significa non só mellorar a vida da cidadanía, senón salvar vidas nos operativos. A máis recursos para os profesionais, máis seguridade para todos e todas".
A empresa adxudicataria comprometerase á subministración do vehículo, así como a garantir un servizo técnico de asistencia e mantemento tanto do vehículo como do equipamento especial, tecnolóxico, informático e de comunicacións.
O Posto de Mando Avanzado incluirá unha sala de comunicacións e outra de reunións. Entre os requisitos mínimos exixidos atópanse unha capacidade mínima de combustible de 130 litros, rodas con aros de aceiro, toma de corrente móbil, infraestrutura e mobiliario para a sala de comunicacións e unha estación meteorolóxica.
Ademais, o Concello tamén licitou recentemente a subministración dun Furgón de Salvamentos Varios, cun orzamento base de 697.028,98 euros, como parte do plan de renovación dos recursos dos servizos de emerxencias.
Este segundo vehículo, de menores dimensións, estará tamén equipado para operar en diversas condicións xeográficas e ambientais, e deberá cumprir requisitos como un sistema de instalación eléctrica axeitado, un motor de arranque potente para baixas temperaturas e unha capacidade de tracción mínima de 6.000 kg. O prazo de entrega será de 15 meses desde a formalización do contrato.




