O órgano, que coordina a sensibilidade ética nos servizos sociais dos concellos do Consorcio As Mariñas, conta cunha composición multidisciplinar. Entre os seus membros figuran profesionais dos servizos sociais comunitarios, así como especialistas dos ámbitos sanitario, xurídico e do terceiro sector.
Na sesión celebrada o pasado 18 de setembro, formalizouse a nova estrutura directiva. A presidencia recae nunha profesional con ampla experiencia nos servizos sociais do Concello de Culleredo, mentres que a secretaría é asumida por unha técnica dos servizos sociais do Concello de Betanzos.
O equipo directivo complétase con dúas vogalías de apoio que achegan unha dilatada traxectoria tanto no ámbito dos servizos sociais comunitarios como no sector asociativo.
Dende o comité sinalan que esta nova etapa busca consolidar a entidade como un referente na comunidade autónoma. A súa finalidade é garantir que a ética actúe como eixo vertebrador dos valores e principios que orientan a intervención profesional, asegurando en todo momento a xustiza, a dignidade e os dereitos da cidadanía.




