A voceira nacionalista sinalou que, a pesar das manifestacións e do consenso social e académico a prol da lingua, o pacto "nunca chega". Rodil lembrou que os grupos de traballo creados pola Xunta xa remataron as súas conclusións hai tempo e preguntou por que non se fan públicas, suxerindo que "ao PP de Rueda igual non lle gustan" as propostas.
Rodil destacou que "hai un consenso nas rúas" para "derrogar todas as barreiras legais que impiden aprender a lingua galega". O Bloque propón "derrogar o decreto da vergoña", cumprir o Plan Xeral de 2004, actualizar a Lei de Normalización Lingüística de 1983 e "triplicar os recursos destinados á nosa lingua".
A portavoz do BNG advertiu que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, terá que aclarar se está disposto a cambiar de actitude e presentar propostas "que non se limiten a atacar ao BNG". "Veremos se o PP cambia de actitude", engadiu, acusando os populares de ser "os que levan dous anos torpedeando que poida haber un acordo".
En relación con ámbitos concretos como a sanidade, a xustiza e o deporte, Rodil puxo como exemplo o caso do Deportivo da Coruña, onde "hai un consenso en que deben empregar o topónimo legal", é dicir, A Coruña, como mostra do "clamor" social existente.




