O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Xunta Provincial da Asociación Española Contra o Cancro, Javier Álvarez Barbeito, asinaron hoxe un convenio de colaboración para impulsar esta rede. A Deputación achegará 158.606 euros, o que supón preto do 75% do orzamento total de 211.475 euros.
O obxectivo principal é facilitar o acceso aos recursos de apoio para pacientes oncolóxicos e as súas familias, especialmente en zonas rurais e semiurbanas onde a dispersión poboacional e a distancia aos servizos especializados dificultan a atención. A rede promoverá a cooperación entre a asociación, a Deputación e os concellos, coa participación dos servizos sociais comunitarios e a atención primaria.
As actuacións incluirán prevención, apoio aos pacientes e promoción do voluntariado. Entre as accións de prevención destacan a creación de espazos libres de fume, a promoción de roteiros saudables e campañas de información sobre prevención e detección precoz. No ámbito da atención, facilitarase o acceso a servizos gratuítos como atención psicolóxica, social, logopedia, fisioterapia ou nutrición, e desenvolveranse recursos comunitarios como os Clubs de Saúde.
A iniciativa baséase na experiencia dos nove Clubs de Saúde que a AECC xa puxo en marcha desde 2024 en concellos rurais, que incorporaron 182 persoas e realizaron 163 obradoiros, cunha valoración media de 9,6 sobre 10, mellorando o benestar emocional e reducindo a soidade.
Ademais, crearase e dinamizarase unha rede local de voluntariado para acompañar pacientes e familias. Os concellos adheridos comprometeranse a un conxunto mínimo de actuacións, apoiadas tecnicamente pola asociación.
A AECC xa dispón de catro centros de atención na provincia, onde atendeu a 2.569 persoas en 2024. A nova rede busca ampliar este alcance territorial e facilitar o acceso a recursos de apoio próximos ao domicilio.




