Un total de 45 nenas e nenos que participan nos campamentos municipais de verán do Concello da Coruña colaboraron na creación dun novo mural no patio exterior do CEIP Torre de Hércules. A iniciativa, enmarcada na 'Quincena da arte', contou coa coordinación do artista Manuel Suárez.
Os pequenos e pequenas axudaron ao pintor coruñés a completar o mural, cuxo deseño está inspirado nun dos símbolos patrimoniais da cidade, a Torre de Hércules. Esta actividade busca estimular a creatividade e o traballo colectivo.
A acción complementa as melloras que o Concello está a executar nas bancadas exteriores do colexio, dentro das actividades promovidas polo Goberno municipal para achegar a educación, as artes e a cultura á infancia e implicar os mozos no coidado dos seus centros educativos.
A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, destacou a importancia de que os patios e áreas de xogo sexan "núcleos de actividade onde as nenas e nenos vivan experiencias en positivo coma esta".
As melloras no CEIP Torre de Hércules forman parte dun plan máis amplo do Concello que inclúe medio cento de actuacións en 25 centros educativos públicos da cidade, cun investimento de 720.000 euros. No caso deste colexio, prevese a substitución do portón de entrada, a instalación dun vídeo-porteiro e as melloras na bancada exterior.




