Segundo o seu Relatório Anual, a multinacional xestiona actualmente 1.488 hectáreas de superficie forestal na comunidade, das cales un 81% corresponden a plantacións de eucalipto. Estas operacións concéntranse exclusivamente nas provincias de Lugo e A Coruña, onde a empresa dispón de 66 unidades de xestión.
Este avance en territorio galego contrasta co estancamento das súas plantacións en Portugal, que se manteñen por debaixo das 111.000 hectáreas, e en Mozambique, onde a superficie xestionada non variou respecto ao ano anterior. A chegada de Navigator a Galicia en 2018, tras unha moratoria para novas plantacións de eucalipto en Portugal, buscaba establecer unha base loxística e áreas de xestión propias para complementar o abastecemento de madeira.
En Galicia xestionamos 1.488 hectáreas de superficie forestal, das cales un 39% se sitúan en áreas Reserva da Biosfera.
Aínda que a moratoria para novas plantacións de eucalipto en Galicia foi prorrogada ata 2030, existen excepcións. Permítese a reforestación con eucalipto en parcelas de piñeiro radiata afectadas pola praga da banda marrón, sempre que non exceda o 50% da superficie. Tamén se flexibiliza a posibilidade de cambiar de parcela unha plantación de eucalipto para mellorar a súa produtividade, permitindo agora facelo entre terreos de distintos propietarios, sen superar o 75% da superficie orixinal.
A pesar da súa expansión, a produción madeireira propia de Navigator apenas cobre o 12% das súas necesidades totais, o que impulsa a compañía a seguir buscando a expansión das súas plantacións e a reducir a dependencia das importacións. Ademais do negocio forestal, a empresa posúe unha fábrica de papel tisú en Aragón, adquirida hai case tres anos.




