O espazo, emitido en horario de máxima audiencia pola TVG, foi eloxiado polo xurado da maior organización europea de televisións rexionais públicas pola súa calidade. Destacaron o seu «forte sentido de identidade» e os seus «altos valores de produción», que o converten nun referente do entretemento.
“"Un notable nivel de improvisación que engade espontaneidade a un programa vivo, dinámico e auténtico."
Este novo premio súmase a outros recoñecementos que Land Rober + Show xa obtivo en edicións anteriores dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego e nos Premios Iris de televisión, onde foi elixido como mellor programa autonómico no ano 2017.
Ademais, a serie Lume, unha coprodución da TVG e a canle portuguesa RTP, recibiu unha mención especial do xurado na categoría de drama. A serie foi valorada polo seu tratamento dos incendios forestais en Galicia e zonas veciñas, así como pola súa capacidade para reflectir a realidade cultural e lingüística da rexión fronteiriza, utilizando o galego, o castelán e o portugués.




