O programa, promovido polo Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña (UDC), ten como obxectivo espertar a curiosidade científica e fomentar as vocacións tecnolóxicas no alumnado de infantil, primaria e secundaria obrigatoria. A iniciativa busca achegar os coñecementos da enxeñaría civil mediante actividades didácticas adaptadas a cada etapa educativa.
A convocatoria, publicada o pasado 23 de outubro, está dirixida a centros públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional situados en contornas rurais que conten cun Polo Creativo durante o curso 2026/2027 e que presenten dificultades para desprazarse ás instalacións do CITEEC na Coruña.
O persoal técnico e investigador do CITEEC desprazarase aos centros seleccionados con maquetas funcionais de dispositivos reais utilizados na súa investigación. A través destas ferramentas, o alumnado poderá descubrir principios e procesos da enxeñaría civil de forma práctica, coa colaboración do equipo de asesoramento de Polos Creativos.
Esta iniciativa contribúe a reducir as barreiras de acceso á divulgación científica e a achegar a investigación universitaria aos centros educativos do rural, promovendo unha aprendizaxe activa e o contacto directo coa ciencia e a tecnoloxía.
O prazo de inscrición remata o 15 de novembro de 2026. Os centros interesados deben presentar a súa solicitude a través do formulario dispoñible no portal de Polos Creativos da Xunta de Galicia: https://centros.edu.xunta.gal/poloscreativos/. As bases completas poden consultarse en https://www.edu.xunta.gal/portal/node/51082.
O miniCITEEC é unha iniciativa de divulgación científica do CITEEC (UDC) que achega a investigación en enxeñaría civil e edificación a todos os públicos mediante unha exposición itinerante de reproducións a escala de máquinas e equipos de laboratorio, ofrecendo demostracións prácticas para comprender conceptos científicos e tecnolóxicos de xeito visual, interactivo e accesible.




