A Xunta licitará por máis de 50M€ a fase 2.1 do Novo CHUAC da Coruña, que inclúe a escavación sobre a que se levantará o novo edificio asistencial. A directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, anunciou que esta fase contempla actuacións previas como demolicións e movementos de terras. A previsión é adxudicar as obras a finais deste ano para comezalas canto antes.
Esta fase 2.1 tamén inclúe a demolición de 17 vivendas unifamiliares en Curramontes e a xestión das redes de subministración existentes. O xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, sinalou que as obras avanzan con normalidade sen interferir na actividade asistencial, grazas á coordinación co equipo redactor para adecuar o proxecto ás necesidades sanitarias.
O proxecto do Novo CHUAC xa conta cunha Fase 0.1 finalizada e unha Fase 0.2 en execución, que inclúe a reforma da unidade de diálise, a creación dunha unidade de probas funcionais e a ampliación da unidade de resonancia magnética, cun investimento duns 10 millóns de euros. A instalación dunha nova resonancia xa está adxudicada e as obras iniciaranse o vindeiro ano.
Ademais, finalizouse a escavación do Hotel de Pacientes, cun investimento de 1,2M€, e os restos da estrutura reutilizaranse en recheos. Tamén se completou a complexa escavación para a Torre Polivalente, que requiriu microvoladuras por atopar material rochoso duro. O seguinte paso será o inicio da estrutura do novo edificio administrativo.
Informouse tamén que este verán se demolerán 3 das 20 vivendas expropiadas máis próximas á futura Torre Polivalente. No que respecta aos accesos, estase a construír un novo viaduto sobre a AC-12, cun investimento total de 26M€, dos cales o Concello asume 22,2M€.




