A Universidade da Coruña (UDC) incorpórase ao programa TaleS, unha iniciativa de ámbito estatal promovida polo Centro Internacional Emprendemento (CISE) en colaboración co Centro de Investigación Ageingnomics da Fundación MAPFRE. Esta iniciativa está dirixida a persoas maiores de 50 anos que desexen adquirir novos coñecementos, xerar sinerxías e competir coas súas ideas a través de premios e recoñecementos.
A UDC forma parte das 12 universidades que integran esta edición, reforzando o seu compromiso coa aprendizaxe ao longo da vida, a innovación e a promoción do talento sénior como motor de desenvolvemento económico e social.
Dentro do marco de TaleS, lánzase o concurso de ideas "Talento Sénior". Esta convocatoria busca dar voz á experiencia das persoas maiores de 50 anos para impulsar solucións innovadoras aos retos actuais en áreas como a saúde e a vida activa, a alimentación saudable, as finanzas e o aforro, o lecer ou a vivenda, co obxectivo de mellorar a calidade de vida deste colectivo.
A participación é gratuíta e non esixe a presentación dun plan de empresa. As persoas interesadas deben describir nun formulario, cun máximo de 350 palabras, un problema identificado e a súa proposta de solución. O prazo para presentar candidaturas estará aberto ata o 30 de setembro de 2026.
Todas as persoas participantes recibirán de balde o "Pack de Impulso Sénior", un programa de formación en liña con contidos sobre creatividade, benestar emocional e validación de oportunidades de negocio. Ademais, un xurado seleccionará a mellor proposta, que será galardoada cun premio de 1000 euros.
Toda a información e o proceso de inscrición están dispoñibles en [https://www.cise.es/concursoideas/](https://www.cise.es/concursoideas/).




