A programación das Festas de María Pita 2026 inclúe a Semana Clásica, un evento que reunirá a máis de 300 intérpretes sobre o escenario da praza coruñesa. Entre o 18 e o 23 de agosto, as principais formacións musicais da Coruña ofrecerán concertos gratuítos ás 21.00 horas, con propostas que van desde a música sinfónica e operística ata o repertorio cinematográfico.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou a relevancia desta programación, que pon en valor o talento musical da cidade. "A Semana Clásica é unha das grandes tradicións culturais das Festas de María Pita e unha oportunidade para achegar a música clásica a toda a cidadanía nun espazo aberto e accesible. Reúne ás mellores formacións da Coruña e amosa o extraordinario nivel artístico que existe na nosa cidade", sinalou.
A xornada inaugural, o martes 18 de agosto, contará coa Orquestra Gaos e o seu proxecto 'Boleros Sinfónicos', con voces como as dos tenores Celso Albelo e Pancho Corujo, e a soprano Candelaria Hernández. O mércores 19 de agosto, a Orquestra de Cámara de Galicia presentará 'Una noche española', con obras de Rogelio Groba, Isaac Albéniz, Enrique Granados e Manuel de Falla, baixo a dirección de Rogelio Groba Otero e co pianista Pablo Diago Busto.
Tras unha pausa o día 20, o venres 21 de agosto, a Xoven Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por Alejandro Posada, interpretará 'América, un percorrido musical polo continente americano', con composicións de Leonard Bernstein, José Pablo Moncayo, Arturo Márquez, Alex Tovar, Santiago Castellanos e Alberto Ginastera.
O sábado 22 de agosto, a Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a batuta de Roberto González-Monjas e coa participación do pianista Javier Perianes, ofrecerá unha homenaxe a Manuel de Falla no 150 aniversario do seu nacemento, xunto a pezas de Fernando Buide e Joaquín Turina.
O broche final da Semana Clásica será o domingo 23 de agosto coa Banda Municipal de Música da Coruña, acompañada pola Coral El Eco, o Coro Gaos, o grupo de gaitas Cántigas da Terra e a cantante Irene Cerqueiro. Presentarán o espectáculo 'Grandes corais de película', con bandas sonoras de filmes como Titanic, O bo, o feo e o malo, Excalibur, O mago de Oz e Mar adentro, combinadas con proxeccións audiovisuais.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, cualificou a programación como "unha das máis ambiciosas da Semana Clásica dos últimos anos" e destacou o compromiso do Goberno de Inés Rey coa música e as entidades culturais da cidade.




