A Biblioteca Municipal de Tui presenta unha programación de dez actividades para o mes de outubro baixo o título "Outubro: Mes da Biblioteca", coa que se conmemora o Día das Bibliotecas o vindeiro 24 de outubro. O lema deste ano, "Sen profesionais, non hai bibliotecas", busca pór en valor o traballo esencial das persoas que fan que as bibliotecas sexan espazos democráticos, abertos, inclusivos e accesibles para toda a cidadanía.
A programación inclúe catro contacontos dirixidos ao público infantil: "Que contan as arbores?" con Maquinarias Teatro, "Colorin, colorote" con Charo Pita e "A boneca de trapo" con Aida Cobas. Tamén haberá presentacións de dous libros, un de Fernando Martínez Freiría e outro de Inma López Silva, así como da editorial tudense "Móleculas".
Durante outubro, celebraranse dúas exposicións: "Na penumbra do tempo", unha mostra fotográfica sobre a catedral de Tui de Gus Abreu, e unha exposición bibliográfica sobre "Alicia no país das marabillas" de Lewis Carroll, promovida por Fátima María García Doval, coleccionista da obra. Ademais, terá lugar o obradoiro "Debuxar as letras" con Alba Farto e o inicio dunha nova tempada do Club de Lectura María Tydeska.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, destacou que esta proposta é unha oportunidade para achegarse a un centro bibliotecario que traballa para ser un espazo de proximidade, socialización e intercambio de ideas, facilitando o acceso libre, gratuíto e inclusivo á información e ao coñecemento.
A axenda de actividades comeza o venres 2 ás 19h coa presentación do libro "Estado de Conservación de los anfibios y reptiles continentales de Galicia" de Fernando Martínez Freiría no Espazo sociocultural rúa Camilo José Cela. O martes 6 ás 17.30h haberá o obradoiro "Debuxar as letras" con Alba Farto, e o mércores 7 iniciará o Club de Lectura "María Tydeska".
O martes 13 ás 17.30h, o contacontos "Que contan as arbores?" con Maquinarias Teatro terá lugar na Biblioteca Municipal. O mércores 14, "O sentido de Alicia: Exposición bibliográfica sobre o libro de Lewis Carrol" de Fátima María García Doval. O xoves 15, iniciará o club de lectura "Tempo de mulleres" e ás 20.00h presentarase o libro "Despois de san Castelao" de Inma López Silva e a editorial Moléculas no Espazo socio-cultural.
O luns 19 ás 20.00h inaugurarase "Na penumbra do tempo", exposición fotográfica sobre a catedral de Tui de Gus Abreu, na Sala Municipal de Exposicións. O martes 20 ás 17.30h, contacontos para bebés "Colorin, colorote" con Charo Pita na Biblioteca Municipal. O sábado 24, Día das Bibliotecas, ás 11.30h, o contacontos "A boneca de trapo" con Aida Cobas.




