A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, supervisou hoxe a fase final das obras que se están a levar a cabo en Entrexardíns. O proxecto une as dúas partes de Méndez Núñez para crear un espazo con continuidade, gañando máis de 1.000 m2 para viandantes. A rexedora estivo acompañada polo primeiro tenente de alcaldesa, José Manuel Lage Tuñas, e o concelleiro de Infraestruturas, Jesús Celemín.
Segundo explicou a alcaldesa, esta actuación, practicamente rematada, é "unha parte esencial da obra dos Cantóns, e supón a nova porta de entrada ao porto. Un bulevar peonil que conecta directamente o corazón da cidade cos peiraos e que ademais, por primeira vez, permite que os nosos Xardíns de Méndez Núñez formen unha unidade, porque deixan de estar divididos por unha estrada".
O Concello avanza no obxectivo de darlles unha unidade estética e funcional aos xardíns, creando un paseo máis amplo e cómodo para a cidadanía. A reforma completa a peonalización do treito final de Santa Catalina e a nova posición do paso de peóns que cruza a calzada dos Cantóns. Amplíanse os parterres e dáselle unha nova configuración á contorna do monumento a Daniel Carballo, dándolle protagonismo a este elemento patrimonial.
A idea é que Entrexardíns se sinta como sempre estivo, cunha perspectiva respectuosa coa historia da área. Disporanse tres enclaves de estancia que facilitan a xuntanza e o uso da contorna para o lecer, creando pequenos ámbitos máis recollidos.
Estas melloras realízanse en paralelo ás do mobiliario urbano e sendeiros, coa reparación de 7.380 m2 de firme e a colocación de 127 novos bancos. Tamén se iluminarán de xeito especial o reloxo floral e os monumentos a Concepción Arenal e Pardo Bazán.
Estas actuacións complementan o proxecto de humanización dos Cantóns, que xa pon primeiro a xente, favorece a mobilidade sostible, a seguridade viaria, a accesibilidade e os espazos verdes. Só nos Cantóns, máis de 1.200 m2 ocupados por elementos vexetais, o triplo do que había ata agora.




