A gala de entrega de premios de InnovaTech 2026 celebrouse nun ambiente de emoción e orgullo polo traballo realizado. Nesta edición, participaron 20 empresas, entre elas nomes como Naturgy, HP, Finsa ou Fundación San Rosendo, que presentaron 20 retos aos que responderon outros tantos grupos gañadores de centros educativos de toda Galicia.
O programa InnovaTech ten como obxectivo fomentar a creación de empresas tecnolóxicas entre os estudantes de formación profesional. As empresas propoñen necesidades ou problemas non resoltos como retos, e os grupos de alumnos presentan as súas solucións. Os proxectos finalistas son avaliados, e na gala final, un proxecto por reto recibe 10.000 euros para o seu desenvolvemento, coa posibilidade de converterse nunha patente ou nunha nova empresa.
Os centros galardoados nesta edición inclúen o CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo), IES de Teis (Vigo), CIFP Ánxel Casal-Monte Alto (A Coruña), CIFP Politécnico (Santiago de Compostela), IES García Barbón (Verín), CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, CIFP As Mercedes (Lugo), CIFP Universidade Laboral (Culleredo), CIFP Montecelo (Pontevedra), CIFP Ferrolterra (Ferrol), CIFO Someso (A Coruña), IES Politécnico de Vigo, IES Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño) e IES O Ribeiro (Ribadavia). A provincia da Coruña foi a que máis galardóns recibiu, con 9, seguida por Ourense con 5, Pontevedra con 5, e Lugo cun.
O proxecto máis destacado da edición foi o desenvolvido polo grupo do CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo. Non só gañaron o seu reto específico, centrado na mellora da integración ambiental das presas, senón que tamén obtiveron o recoñecemento ao mellor proxecto global. A súa proposta consiste nunha balsa fotovoltaica autónoma e pilotable deseñada para recoller sedimentos e limpar presas, unha solución preditiva e innovadora.
Cada grupo de estudantes conta co acompañamento dun docente. Estes profesores dedican un esforzo extra, implicándose máis aló do horario habitual. Segundo sinalan, este traballo adicional vese recompensado ao ver o recoñecemento do alumnado e ao visibilizar a formación profesional como unha vía para formar profesionais cualificados con moito que achegar ao sector.
“"Isto é coma a gala dos Oscars, non todos gañan pero o feito de chegar aquí xa é algo moi importante"
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, destacou durante a gala a participación récord desta edición, con 254 equipos inscritos, máis de 1.000 alumnos e 240 docentes. Subliñou que estes participantes son "un gran exemplo da Galicia Calidade que facemos entre todos".




