A formación, composta polas viguesas María SOA e Sara Faro, presentará en directo as cancións do seu segundo álbum, 'Tertúlia', un traballo que explora a combinación de electrónica, harmonías vocais, tradición e experimentación sonora. O concerto busca transformar o escenario nun espazo de encontro colectivo, onde o público forma parte activa da experiencia.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a importancia da actuación, sinalando que "desde o Goberno de Inés Rey seguimos apostando polos proxectos musicais galegos que están a marcar o presente e o futuro da nosa creación cultural". Engadiu que Fillas de Cassandra representan "talento, innovación e unha maneira propia de entender a música desde Galicia para o mundo".
Tras o éxito de 'Acrópole' e a publicación de 'Hibernarse' en 2025, o novo disco 'Tertúlia' amplía o universo sonoro do dúo, combinando música tradicional e electrónica contemporánea cunha escrita marcada pola ironía e a intimidade. O espectáculo renovado busca crear un diálogo aberto á conversa e á celebración comunitaria.
A programación musical complétase coa actuación de Carlos Bau o venres 14 de agosto ás 20.00 horas no Campo da Leña, onde presentará 'Las canciones que te sabes', un percorrido polos clásicos do pop español.




