Fernando Castro Flórez ofreceu unha reflexión sobre a relevancia da obra de Antón Lamazares no contexto da arte contemporánea española e internacional. O relator destacou a singularidade da linguaxe plástica do artista e a súa capacidade para construír un universo creativo propio ao longo de máis de catro décadas. Incidiu especialmente na dimensión poética da súa pintura, marcada pola memoria, a espiritualidade, a materia e a evocación da paisaxe.
Á sesión asistiu o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, quen destacou a vontade do Goberno de Inés Rey por achegar á cidadanía a obra máis singular do arte contemporáneo galego, cunha selección de obras nunca expostas na Coruña. A exposición 'Na Canella. 1973-2026' constitúe unha das mostras máis completas dedicadas á traxectoria dun dos artistas fundamentais da arte galega contemporánea.
O programa de mediación cultural incluirá dous encontros co artista os días 12 de decembro de 2026 e 17 de xaneiro de 2027, para percorrer a exposición da man de Lamazares. A programación completarase co obradoiro familiar 'A memoria da terra caramelizada' o 2 de xaneiro de 2027 e coa presentación do libro de artista o 15 de xaneiro, coa participación de Antón Lopo e do propio artista.




