O programa FalaRedes, unha iniciativa da Xunta de Galicia para a dinamización da lingua galega, reforza a súa programación co espectáculo multiartístico ‘O son do ar’ e a nova xira dos populares monicreques Os Bolechas. O secretario xeral da Lingua, Valentín García, subliñou hoxe a importancia destas propostas para a transmisión do galego no ámbito do lecer familiar, especialmente en contextos periurbanos.
‘O son do ar’, que se poderá ver en Viveiro (8 de novembro), O Barco de Valdeorras (4 de decembro) e Lugo (22 de decembro), é unha proposta que combina danza, canto, narración e poesía, e que rende homenaxe á emigración galega. Conta coa narración de Luís Iglesia, a voz de Paty Lesta, a danza de Ricardo Fernández, o piano de Cristian Leggiero e o caixón de Moisés Fernández, baixo a dirección artística de Iván Villar.
Pola súa banda, a xira de Os Bolechas, baixo o título ‘Aquí hai moito ruído’, chegará a un total de 21 concellos galegos. As funcións comezarán este venres en Valga e continuarán ata finais de decembro en localidades como Ordes, Abegondo, A Teixeira, Padrón, Coristanco, Arzúa, Outes, Bergondo, Ares, Baiona, Negreira, Fisterra, Palas de Rei, Rois, Carral, Cerdedo Cotobade, Allariz, Vedra, Cedeira e Begonte.
Estas iniciativas forman parte das primeiras 50 accións do novo Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado polo Parlamento, e que busca dinamizar a lingua entre a infancia e a familia. Toda a información sobre datas, lugares e horarios está dispoñible no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.




