A exposición, que percorre a historia e o desenvolvemento deste emblemático festival, foi inaugurada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. O evento, organizado por Cántigas da Terra, celebra este ano os 110 anos da súa fundación, coa colaboración do Concello da Coruña.
"Dende o Goberno de Inés Rey continuamos promovendo e dando a coñecer a nosa cultura e os axentes e entidades que a manteñen viva e activa", sinalou Castro. O edil destacou que o Ciclo de Coros Galegos se converteu no "epicentro da cultura tradicional na Coruña durante o outono", lembrando que polos seus escenarios pasaron coros históricos, grupos folclóricos e manifestacións da tradición oral galega.
A mostra reúne pezas e documentos orixinais de agrupacións como o Real Coro Toxos e Froles, a Coral De Ruada, Cantigas e Agarimos e a propia entidade organizadora. Tamén se exhibe o legado das principais agrupacións de música tradicional e corais da cidade que participaron nas primeiras edicións.
En conxunto, a exposición ofrece un patrimonio musical e visual de Galicia e da cidade, transformándose nunha memoria histórica de incalculable valor.




