O Campus Industrial de Ferrol acolle, ao longo desta semana, o Programa Intensivo Combinado From Sensors to Data: Industry 4.0 in Engineering Experimental Testing. A iniciativa, coordinada pola Universidade da Coruña (UDC), reúne a 32 estudantes de grao, máster e doutoramento procedentes de Croacia, Serbia, Finlandia, Romanía e Portugal.
O estudantado afondará en ámbitos clave da Industria 4.0, como a sensorización, a adquisición e análise de datos, a fabricación aditiva, a robótica, a Internet das Cousas (IoT) e os xemelgos dixitais. Tamén se abordará a súa aplicación nos ensaios experimentais en enxeñaría.
A Universidade da Coruña (UDC), liderada polo profesor Fran González da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), coordina este proxecto de innovación docente, enmarcado no Programa Erasmus+. Nel participan tamén a University of Zagreb (Croacia), a University of Belgrade (Serbia), a Tampere University (Finlandia), a Universidade do Minho (Portugal), e universidades de Romanía como a National University of Science and Technology Politehnica Bucharest e a Universitatea Petrol-Gaze Din Ploiesti.
Tras unha fase de formación previa en liña, os participantes foron recibidos no Campus Industrial de Ferrol pola vicerreitora do Campus de Ferrol, Ana Ares; o director da EPEF, Vicente Díaz; a directora do CITENI, Belén Montero; o adxunto de Mobilidade, Bruno Casal; e o director do Campus Industrial de Ferrol, Marcos Míguez.
A formación estrutúrase en dous módulos comúns: o primeiro céntrase no deseño paramétrico con FreeCAD e na fabricación aditiva (tecnoloxía FDM); o segundo aborda a programación con Arduino, a integración de sensores, a adquisición de datos e as comunicacións en sistemas intelixentes.
Os estudantes poderán elixir itinerarios de especialización en áreas como a arquitectura naval, a monitorización de maquinaria, a robótica submarina, o desenvolvemento de materiais poliméricos ou a experimentación aerodinámica no Túnel do Vento.
O programa complétase con visitas ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e ao Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), ademais de actividades culturais e de lecer pola cidade e un paseo en barco pola ría.




