Unha alumna do grao en Xestión Industrial da Moda da Universidade da Coruña (UDC), Lucía Rivas Álvarez, analizou as oportunidades e barreiras do emprendemento xuvenil na industria da moda en Galicia no seu Traballo Fin de Grao (TFG). O estudo, realizado con metodoloxía mixta, sinala a falta de financiamento, a burocracia, as dificultades para acceder a provedores e a competencia das grandes empresas como os principais obstáculos para crear novos proxectos.
A investigación, que combinou unha enquisa en liña con 150 participantes e entrevistas a egresados de proxectos como Savalé, Le Éclat, Guinda Concept e Atelierbysebas, revela que o 39% dos enquisados emprende por vontade de desenvolver unha iniciativa propia, mentres que o emprendemento por necesidade representa o 15%.
O traballo tamén destaca o papel crucial da dixitalización, considerada clave polo 71,3% dos enquisados para ampliar mercados e mellorar a competitividade. Ademais, pon en valor a formación especializada, sinalando o grao en Xestión Industrial da Moda da UDC como un espazo fundamental para adquirir coñecementos técnicos e competencias necesarias para emprender no sector.
A análise cualitativa puxo de manifesto que só un dos catro proxectos entrevistados, Atelierbysebas (solucións dixitais B2B), segue activo. Os outros cesaron por dispersión xeográfica, barreiras económico-fiscais ou pasaron a ser un hobby.




