O Mercado da Colleita regresa ao Festival Noroeste Estrella Galicia, converténdose nun punto de encontro de iniciativas que buscan transformar o rural galego cara a un modelo máis próspero, innovador e sostible. A programación, pensada para todos os públicos, combina divulgación, experiencias gastronómicas, creatividade e música.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, xunto a Marcos Pérez (responsable do Mercado da Colleita), Noa Pérez (directora de Márketing de La Tita Rivera O Portiño) e Óscar Vales (responsable de We Sustainability), supervisou a montaxe no Portiño. Castro destacou a aposta do Goberno de Inés Rey por propostas que reforzan a identidade cultural da Coruña e achegan experiencias vinculadas á sustentabilidade e ao talento do rural galego.
Participan proxectos como Airas Moniz, Calabizo, Cortes de Muar, Maremonte, Galo Celta, A Castrexa, Lenatt, Mariñeiras Daveiga, Sacrapastas e Horta da Lousa, que ofrecerán degustacións, obradoiros e presentacións para coñecer os seus produtos e valores.
We Sustainability tamén estará presente con actividades creativas e manuais con materiais reutilizados, enfocadas ao público familiar e á conciencia ambiental.
As actividades comezarán o venres ás 15:30 e o resto de días, ata o 12 de agosto, de 12:00 a 20:00. Haberá un punto de información de Estrella Galicia no Portiño para os horarios e inscricións previas nos obradoiros e degustacións.
As actuacións musicais correrán a cargo de DJMIL (venres 7 de agosto, 16:00-19:00), Sofie Peries (sábado 8, 12:00-15:00) e Saya DJ (sábado 8, 16:00-19:00). O domingo 9 de agosto actuarán Rey DJ (12:00-13:30), La Yaya DJ (13:30-15:00) e Monkey Mambo Club (16:00-19:00).
O Mercado da Colleita, impulsado por Hijos de Rivera, é unha iniciativa de impacto positivo que promove modelos de xestión e negocio innovadores no rural galego, demostrando a viabilidade dun futuro sostible.




