A industria galega alcanzou en xullo unha media de 142.376 afiliados, o nivel máis alto dende setembro de 2010. Esta recuperación supón a creación de case 9.000 postos de traballo dende o ano da pandemia, cun protagonismo destacado dos segmentos de negocio da industria de alimentación, metalúrxico e a construción e reparación naval.
O sector naval, en particular, experimentou un crecemento significativo, situando o emprego directo por riba dos 6.000 efectivos. Esta cifra non se vía dende febreiro de 2020, nun contexto de carteira con 40 buques en proxecto e múltiples encargos de reparación, tras as crises de Barreras e Vulcano.
As empresas de fabricación de produtos metálicos tamén mostran un forte dinamismo, cun incremento de afiliación superior ao 15% dende a pandemia, achegándose ás 19.500 persoas. Pola súa banda, a industria da alimentación sumou un 5% máis de persoal, alcanzando os 32.500 traballadores, impulsada pola valorización de materias primas e a apertura de novas liñas de produción.
A automoción, a pesar da súa reconversión, mantén o seu peso cun aumento do 5,7% nas afiliacións neste ano 2026, dando emprego directo a 16.775 persoas. A maioría das manufacturas continúan expandindo os seus cadros de persoal, malia as dificultades para atopar perfís técnicos e de oficios tradicionais.
Tradicionalmente, a industria ofrece mellores salarios. En 2024, os ingresos medios no sector manufacturero superaron os 27.200 euros, fronte aos 24.232 do conxunto de asalariados, aínda que con diferenzas entre homes e mulleres. Ademais do salario, a industria xera postos de traballo indirectos e inducidos, sendo clave para a economía galega.




