O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo secretario xeral técnico, Manuel Vila, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, presentou hoxe aos directores de once colexios e institutos de tres comarcas da provincia da Coruña os proxectos de mellora dos seus centros, incluídos nos Orzamentos 2027. Estas actuacións mobilizarán máis de 15 millóns de euros, e prevese licitar parte delas este mesmo ano por anticipado de gasto.
Na reunión participaron os responsables dos colexios Plurilingüe Wenceslao Fernández Flórez (Cambre), Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel (Carral), Plurilingüe Víctor López Seoane (A Coruña), Plurilingüe de Prácticas (A Coruña), de Atios (Valdoviño), Plurilingüe San Vicenzo (Vimianzo) e Labarta Pose (Zas); así como dos institutos Agra do Orzán e Plurilingüe Eusebio da Guarda (ambos na cidade herculina), de Fene e Concepción Arenal de Ferrol.
O obxectivo principal das obras é mellorar o confort e a eficiencia enerxética das instalacións. Oito delas serán rehabilitacións integrais, acometeranse dúas ampliacións e cubrirase unha pista exterior para facilitar a práctica deportiva. Estas melloras enmárcanse no Plan de nova arquitectura pedagóxica, que conta con 72,6 M€ nos Orzamentos 2027 da Consellería de Educación.
Na cidade da Coruña, os proxectos concentran case 7,5 M€. Inclúense a ampliación do Instituto Agra do Orzán (1,85 M€) e a rehabilitación integral do Instituto Plurilingüe Eusebio da Guarda (2,55 M€). Tamén se prevén rehabilitacións integrais nos colexios Víctor López Seoane (867.000 €) e Plurilingüe de Prácticas (2,2 M€).
Na comarca da Coruña, investiranse máis de 2,7 M€ en melloras nos colexios Plurilingüe Wenceslao Fernández Flórez (Cambre, 1,3 M€) e Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel (Carral, 1,4 M€).
Os colexios da Costa da Morte tamén se benefician, coa rehabilitación integral do Colexio Plurilingüe San Vicenzo (Vimianzo, 1 M€) e a do Colexio Labarta Pose (Zas, 1,15 M€).
En Ferrolterra, as tres actuacións suman case 2,8 M€: rehabilitación integral no Instituto de Fene (700.000 €), no Centro Público Integrado de Atios (Valdoviño, 1,37 M€) e a cubrición dunha pista exterior no Instituto Concepción Arenal (Ferrol, 700.000 €).




