Denuncian acoso e vandalismo contra vivendas turísticas na Coruña

A asociación do sector alerta de sabotaxes e pintadas en edificios, vinculándoos á nova ordenanza municipal.

Imaxe xenérica de pintadas nunha parede de pedra no centro histórico.
IA

Imaxe xenérica de pintadas nunha parede de pedra no centro histórico.

A Asociación de Vivendas de Uso Turístico de Galicia (AVITURGA) denunciou unha campaña de acoso e vandalismo contra os aloxamentos turísticos na cidade da Coruña, con pintadas e sabotaxes en edificios.

O vicepresidente da asociación alertou da aparición de pintadas e sabotaxes en portais de edificios, principalmente no centro da cidade e na Cidade Vella. Segundo a asociación, as pintadas acusan, “escudándose no anonimato”, a propietarios de vivendas turísticas de “facer unha actividade que está regulada”.
Ademais das mensaxes agresivas, os ataques inclúen a inutilización de sistemas de apertura nos edificios. A asociación sinala que “están, digamos, saboteando o parque inmobiliario da cidade, como digo, escudándose no anonimato”, e engade que estes sabotaxes se produciron “incluso onde non hai vivendas de uso turístico no interior”.

"Vai haber unha escaseza importante, xa o estamos notando nesta ponte de maio, que non hai dispoñibilidade en absoluto de vivendas de uso turístico."

un voceiro da asociación
Desde AVITURGA deféndense das acusacións e desvinculan os pisos turísticos do problema de acceso á vivenda na Coruña. Sosteñen que “é evidente que o problema de acceso á vivenda non o poden xerar os veciños que alugan esas propiedades, senón que é a falta das políticas públicas que durante décadas estivo impedindo un desenvolvemento normal do mercado residencial”.
A asociación enmarca estes ataques no “clima creado na Coruña contra as vivendas turísticas” a raíz da nova ordenanza municipal, a cal, segundo denuncian, deixou no limbo ao 80% dos aloxamentos da cidade. Esta situación xa provocou o peche dalgúns deles, o que, advirten, terá consecuencias para o turismo, prevendo unha “escaseza importante” de aloxamento.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, cualificou de “gravísimo” que se acuse ao Concello de amparar as pintadas e asegurou que “o Concello non é responsable en ningún caso de ningún acto vandálico que, evidentemente, condenamos”. Non obstante, matizou que o consistorio si “é responsable de tomar medidas para reverter o problema de acceso á vivenda”.
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, lembrou que as vivendas de uso turístico “son establecementos perfectamente legais” amparados por un decreto da Xunta. Sinalou que concellos como o da Coruña ou Santiago de Compostela “déronse conta tarde” de que podían regular e que agora “terán que valorar se a súa regulación está beneficiando ou prexudicando” a operatividade nas súas cidades.