Tras a súa primeira edición celebrada en 2025, CoruñART consolídase como un proxecto de encontro entre a creación, a xestión cultural e os públicos. O programa incluirá representación dos ámbitos do cinema, teatro, música, fotografía, artes plásticas, literatura e ilustración.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a importancia de dar continuidade a proxectos que fortalecen o ecosistema cultural coruñés, sinalando que "unha cidade non constrúe un ecosistema cultural forte só por acoller moitos eventos. Constrúeo cando dá continuidade aos proxectos, coida os seus profesionais e abre espazos de encontro coa cidadanía".
Castro subliñou tamén que a cultura é un dereito da cidadanía e un conxunto de sectores creativos que precisan redes e oportunidades. Destacou o papel da xestión cultural como ferramenta para conectar talento e favorecer colaboracións.
Baixo o lema "Encontro aberto coa cultura", a xornada do 7 de novembro incluirá stands no hall principal e mesas redondas, relatorios e actividades formativas nas aulas. Tamén haberá encontros profesionais en formato de citas rápidas, showcases musicais e un espazo de micrófono aberto para literatura.
Como novidade, CoruñART contará coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual. Entre o 5 e o 7 de novembro proxectaranse no Fórum as catro longametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo. A Escola de Imaxe e Son tamén participará coa exhibición de traballos audiovisuais.
O evento tamén incorpora un espazo específico de conciliación familiar para ampliar a participación e accesibilidade.
As inscricións para profesionais e a solicitude de stands serán gratuítas e abriranse o vindeiro 15 de outubro. Toda a información estará dispoñible nas canles oficiais de CoruñART.




