Cinco membros do persoal investigador do CITIC da Universidade da Coruña figuran na última edición da World’s Top 2% Scientist List, elaborada pola Universidade de Stanford (Estados Unidos) en colaboración coa editorial Elsevier. Trátase de Tiago M. Fernández Caramés, Verónica Bolón Canedo, Paula Fraga Lamas, Amparo Alonso Betanzos e Carlos Gómez Rodríguez, cuxa actividade científica destaca polo seu impacto e visibilidade internacional.
Esta clasificación identifica ao 2 % do persoal investigador máis influente do mundo en todas as áreas de coñecemento, analizando a produción científica a partir dos datos da base Scopus. A presenza do CITIC forma parte da representación da Universidade da Coruña, que suma un total de 23 persoas na lista.
A lista inclúe tamén a outros investigadores vinculados á UDC, como Rodrigo Lozano (ECOBAS), Francisco Blanco, M.ª Generosa Crespo, Germán Bou e Ángel Fernández Flores (INIBIC), entre outros de centros como o CICA, a Facultade de Ciencias da Educación, a Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas e o CITEEC.
As disciplinas con maior representación da UDC nesta clasificación son a Química, as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, a Medicina Clínica, a Investigación Biomédica, as Tecnoloxías Habilitadoras e Estratéxicas e as Ciencias Sociais.
A World’s Top 2% Scientists é unha das referencias máis prestixiosas a nivel mundial para identificar o impacto da actividade investigadora. Avalía a produción e o impacto científico de máis de 200.000 persoas investigadoras de todo o mundo, utilizando indicadores bibliométricos extraídos de Scopus, como o número de citas, o índice h e un indicador composto (c-score).
A clasificación, que toma como referencia os perfís de Scopus a 1 de agosto de 2026 e as citas acumuladas ata finais de 2025, recoñece o impacto e a visibilidade da contribución ao avance do coñecemento. Para formar parte dela, é necesario situarse entre as 100.000 persoas investigadoras con maior puntuación no c-score ou alcanzar un percentil igual ou superior ao 2 % dentro do propio subcampo científico.




