O Concello de Arteixo organiza durante o mes de setembro un novo ciclo de actividades no Centro Mar de Sorrizo. Estas propostas, que son de carácter gratuíto, céntranse na divulgación, conservación e posta en valor do patrimonio natural, cultural e marítimo do litoral arteixán.
O programa conta co financiamento do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura e da Consellería do Mar, a través das axudas xestionadas polo GALP Golfo Ártabro Sur. O obxectivo é achegar á cidadanía o coñecemento e a protección da contorna litoral mediante actividades dirixidas a públicos de diferentes idades.
O 18 de setembro terá lugar a sesión de Contacontos e pequenos mundos, inspirada na obra Tiddler de Julia Donaldson. Ao día seguinte, o 19 de setembro, desenvolverase o obradoiro 'A vida dentro dunha pinga de auga de mar', onde os participantes poderán coñecer o plancto e a vida mariña a través da observación con lupas binoculares e microscopios.
O programa continuará o 23 de setembro co obradoiro 'Natureza e ecoturismo', centrado no coñecemento de formas de turismo máis sostibles e respectuosas co territorio. Finalmente, o 25 de setembro celebrarase 'Monstruos e Tesouros do mar', unha actividade que abordará a problemática do lixo mariño desde unha perspectiva artística.
Todas as actividades se realizarán no Centro Mar de Sorrizo. As persoas interesadas deberán realizar a inscrición con 48 horas de antelación a través do calendario de eventos na páxina web do Concello de Arteixo.




