A cidade da Coruña volveu encherse de rosa este domingo coa celebración dunha nova edición da Carreira da Muller, unha das citas deportivas e sociais máis importantes do calendario local. Preto de 7.000 participantes completaron un percorrido de 6,3 quilómetros polas rúas coruñesas, nun ambiente festivo e de reivindicación.
A proba, que comezou ás 10.00 horas desde a avenida de Bos Aires, contou coa presenza da alcaldesa, Inés Rey, quen deu a saída e destacou o compromiso da cidade coa igualdade. Tamén participaron o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, quen estivo na entrega de premios.
Andrea Díaz Iglesias foi a primeira en cruzar a meta cun tempo de 25:05, seguida por Noa Mirantes e Nerea Sánchez. As participantes avanzaron xuntas nunha gran marea rosa, arroupadas polo público ao longo do trazado.
A alcaldesa sinalou que a carreira "representa deporte e hábitos de vida saudables, pero tamén visibilidade, reivindicación e solidariedade para seguir avanzando cara a unha igualdade plena e efectiva", consolidando a cita como un evento que transcende o puramente deportivo.
Ademais da práctica deportiva, a edición deste ano combinou a sensibilización sobre a violencia machista, coa presenza do 016 nos dorsais, e a prevención e investigación do cancro de mama. A dimensión social e solidaria tamén tivo un papel destacado coa implicación de entidades como ACNUR, ACADAR, Semilla para el Cambio, Auga Dragon Boat e Bolboretas Coruña.
A organización destina a recadación dos dorsais solidarios a ACADAR e achega 1.200 euros a Semilla para el Cambio para apoiar programas de empregabilidade e autonomía económica de mulleres vulnerables.
Un dos momentos emotivos da xornada foi a homenaxe á atleta paralímpica galega Adiaratou Iglesias, campioa nos Xogos de Toquio 2020. A alcaldesa destacou o seu valor como referente feminino para as xeracións máis novas.




