A cidade da Coruña acollerá unha nova edición de Cascarillarte ao longo do mes de agosto, entre os días 10 e 28. O programa ofrecerá 15 espectáculos gratuítos de diversas disciplinas como teatro, música, maxia, narración oral e animación, dirixidos ao público familiar e que percorrerán diferentes espazos e barrios da cidade.
A programación combina formatos variados, incluíndo contacontos, clown, espectáculos musicais e teatro familiar. Participarán artistas e compañías recoñecidas como Pablísimo, Xavi Bufa, Mago Noel, K'Paparota Teatro, Pedras de Cartón, Ghazafelhos Teatro, Inventi Teatro, Fran Rei, Mago Paco e Culturactiva, entre outras.
O Campo da Leña será o primeiro escenario o luns 10 de agosto coa proposta As Mil e Unha, de Vero Rilo e Luís Iglesias. Os espectáculos tamén chegarán a Palavea, Xuxán, a praza de Vigo, o barrio de Monte Alto, As Conchiñas, O Castrillón, o parque de Santa Margarita, Vioño, Novo Mesoiro, Os Rosales e a Sagrada Familia.
“"Queremos que os nenos e nenas sexan protagonistas das festas. Cascarillarte permite que as familias gocen da cultura preto de casa e converte aos barrios en escenarios ao aire libre durante todo o mes de agosto."
O Concello presenta Cascarillarte como un dos programas familiares máis importantes das Festas de María Pita, co obxectivo de achegar a cultura a todos os barrios e ofrecer alternativas de ocio gratuítas e de calidade para a infancia e as familias coruñesas.
A programación completa inclúe citas o 10 de agosto no Campo da Leña con As Mil e Unha; o 11 de agosto en Palavea con Os Contos de Pablísimo; o 13 de agosto na Praza de Tabacalera con Tubos do Mundo de Xavi Bufa; o 14 de agosto no barrio de Xuxán con Qué Curioso! de Mago Noel; o 17 de agosto na Praza de Vigo con Latexos de K'Paparota Teatro; o 18 de agosto na Barrio das Flores con MarabiJoshua! de Joshua Kenneth; o 19 de agosto en Monte Alto con Alicia de Pedras de Cartón; o 20 de agosto na praza de As Conchiñas con Sherezade de Ghazafelhos Teatro.
Continuarán as actuacións o 21 de agosto no Castrillón con A Estrada de Pajarito (ás 12.00h) e no parque de Santa Margarita con Ledicias de Mago Paco (ás 19.30h). O 24 de agosto haberá Tachán! de Inventi Teatro na praza dos Mariñeiros; o 25 de agosto en Vioño con Máis Saaabor! de Culturactiva; o 26 de agosto en Novo Mesoiro con As Aventuras de Jazzy e Bluzy de Gallaecia Eventos.
As últimas citas serán o 27 de agosto na praza Elíptica de Os Rosales con O Grúfalo e a Natureza de Manuela Contacontos, e o 28 de agosto na praza San Rosendo da Sagrada Familia con Hamelin de Fran Rei.




