A entidade Cáritas Diocesana de Santiago abriu as portas da súa nova tenda Arroupa Moda re- na rúa Barcelona, número 17, na cidade da Coruña. Este espazo de 212 metros cadrados busca achegar a moda reutilizada á cidadanía cun modelo de dobre impacto: unha tenda aberta ao público e un punto de entrega social para persoas vulnerables.
Pilar Farjas, directora de Cáritas Diocesana de Santiago, destacou que a tenda representa un modelo de éxito na xestión de roupa, que en 2025 permitiu manexar case 2.000 toneladas de prendas a través de 357 colectores nas provincias da Coruña e Pontevedra. Agradeceu a confianza dos doantes, xa que "toda a roupa que hai aquí está doada por particulares ou por empresas", subliñando o compromiso social detrás de cada peza.
“"Detrás de cada prenda doada hai confianza e compromiso"
Os primeiros clientes valoran positivamente o trato atento do persoal e os prezos baixos, cualificando a experiencia como "un descubrimento" para vestir ben sen gastar moito. A tenda ofrece roupa de calidade e accesorios a prezos competitivos.
Belén do Campo, delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, animou á cidadanía a visitar o establecemento, resaltando a importancia do proxecto para a xeración de oportunidades de emprego e inclusión social.




