A vila de Cambre converterase nun dos epicentros galegos para a observación da eclipse total de sol o vindeiro 12 de agosto de 2026. Este fenómeno astronómico excepcional será visible dende múltiples puntos do municipio.
A asociación xuvenil XentD100cia, en colaboración co Concello de Cambre, impulsa o programa Cambre Observa 2026. Esta iniciativa de divulgación científica e participación cidadá busca promover unha observación segura da eclipse, fomentar o coñecemento científico e involucrar á veciñanza neste acontecemento histórico.
Xa está dispoñible o Mapa Colaborativo de Observación, que sinala espazos recomendados para seguir a eclipse segundo a súa visibilidade, accesibilidade e seguridade. Inclúe tres Puntos Estrela: Paseo do Temple, Anceis e Local Social de Bribes, ademais doutras localizacións como a Igrexa de Sigrás, o Paseo do Río Mero, a Pista Polideportiva de Vigo, a contorna da Igrexa de Altamira, o Campo da Festa de Andeiro, o Polígono do Espírito Santo ou o CEIP de Brexo-Lema.
O mapa interactivo pódese consultar escaneando o código QR publicado na páxina web e redes sociais do Concello e de XentD100cia. Permite visualizar os puntos de observación, coñecer a súa localización exacta e elixir o lugar axeitado para seguir a eclipse.
Ademais, está aberto o prazo de inscrición para o obradoiro gratuíto “Embaixadores da Eclipse”, dirixido a mozos e mozas de entre 12 e 18 anos. O obxectivo é formar unha rede de divulgadores que promovan unha observación segura e didáctica, compartindo coñecemento científico coa cidadanía. As sesións terán lugar o luns 20 de xullo na Casa Arrigada e o martes 21 de xullo na Casa Palmeiras (O Temple), ambas de 10:30 a 13:00 horas. A inscrición realízase mediante código QR.
O proxecto Cambre Observa 2026 estrutúrase en tres liñas: o Mapa Colaborativo de Observación, a Rede de Embaixadores da Eclipse, e Vivimos a Eclipse, un proxecto de ciencia cidadá para a recollida de datos ambientais e testemuños relacionados co fenómeno.
Segundo as previsións, a eclipse comezará ás 19:31 h, a totalidade será de 20:27 a 20:29 h, e finalizará ás 21:22 h. Lémbrase a importancia de usar gafas homologadas ou sistemas seguros para a observación directa do Sol.




